A Audiencia de Pontevedra referenda nunha sentenza o papel da DOP como garante da orixe e calidade do Mexillón de Galicia

16 Marzo, 2016

Unha sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de darnos a razón nun caso de competencia desleal. O fallo, que é firme e crea xurisprudencia, constitúe un sólido recoñecemento da posición de nosa marca como única garante da orixe e a calidade do Mexillón de Galicia.

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, Francisco Alcalde, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, explicaron hoxe en Santiago ante os medios informativos a transcendencia desta resolución.
Este caso iniciouse en outubro de 2014, cando a DOP presentou unha demanda ante o Xulgado do Mercantil de Pontevedra contra a empresa Javimar por competencia desleal. Esa infracción tiña que ver co uso nos envases de mexillón da citada conserveira de mencións relativas á orixe do bivalvo. Así, aparecían referencias como “de las Rías Gallegas”, “elaborado en Galicia” ou “envasado en Galicia”, cando ese produto non contaba coa certificación da DOP Mexillón de Galicia, a única que legalmente pode facer uso desas mencións.
O 15 de xullo de 2015, o Xulgado do Mercantil emitiu o seu fallo dando a razón á DOP e instando á demandada a retirar do mercado todos os envases, material publicitario ou calquera outro documento no que constasen as frases antes referidas. Ademais, impúxolle 15.000 euros de sanción por danos e prexuízos.
Javimar presentou o correspondente recurso sobre o que agora se pronunciou a Audiencia de Pontevedra. E tal pronunciamento foi de novo favorable ás teses defendidas pola DOP na demanda inicial. Por tanto, rexeita o recurso da conserveira e ratifica integramente a sentenza do Xulgado do Mercantil y reforza o alcance da DOP Mexillón de Galicia e a protección aos consumidores.
Pero ademais, este fallo adquire unha nova dimensión ao ter carácter firme e crear xurisprudencia, o que comporta de forma implícita unha maior seguridade xurídica para os consumidores, que van a ver reforzados os seus dereitos a una información veraz acerca dos produtos que adquiren, e, a maiores, obriga á Administración a facer cumprir a lei, aspecto este manifestamente mellorable.

Que acredita a resolución?
Que o ámbito de protección da DOP Mexillón de Galicia abarca ao produto en fresco, conserva, conxelado, pasteurizado, etc.
É moi importante aclarar este punto porque Javimar no seu recurso insistía que o formato de mexillón en conserva estaba fóra do ámbito de protección da DOP e por tanto non existía limitación no uso de referencias como “de las Rías Gallegas”, “elaborado en Galicia” ou similares. A Audiencia rexeita ese argumento ao sinalar que “a simple referencia ou evocación de Galicia en produtos elaborados do mexillón, se non está amparada pola DOP, supón unha infracción da normativa europea de protección das DOPs”, con independencia que a súa orixe real sexa Galicia.
Pero o fallo non se queda aí, xa que sinala explicitamente que o uso ilícito das mencións relativas a orixe “danan o prestixio” de Mexillón de Galicia, por tanto esta forma de actuar constitúe un caso de competencia desleal, algo que o Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia vén denunciando reiteradamente nos últimos anos e, ademais, causa prexuízos indemnizables.

Reproche
A resolución supón ademais un reproche en toda regra para a industria conserveira que utiliza ilicitamente o nome de Galicia nos seus envases, pero tamén para a Administración, e mais concretamente para a Consellería do Mar, que comparte as teses de unha parte da industria relativas a que a DOP no ten atribucións sobre o mexillón en conserva.
Por iso esperamos que a partir de agora, Mar actúe dunha vez e faga cumprir a lei.
Co seu mandato, a Audiencia pon fin á desprotección que viña sufrindo o consumidor pola vulneración dos seus dereitos e intereses e, ao mesmo tempo, servirá para acabar cos prexuízos económicos que soportan as empresas que traballan Mexillón de Galicia como consecuencia da competencia desleal no mercado.

Valoración dos Consumidores
Desde Unión de Consumidores de Galicia, a sentenza da AP de Pontevedra supón un importante referendo ás teses que desde fai tempo vén defendendo ao tempo que permite cimentar unha das liñas de traballo que esta organización pretende impulsar ao longo dos próximos meses.
Efectivamente, fai tempo que UCGAL viña cualificando a utilización de expresións como as que son obxecto de axuizamento, como prácticas de competencia desleal que crean confusión entre os consumidores, ao tempo que nos casos mais graves poden ser constitutivas de actos de engano.
Algunhas das principais reivindicacións desta asociación no ámbito da alimentación refiren á necesidade de que a información que se facilita ao usuario sexa veraz e a que os poderes públicos actúen ante actos que atenten contra este principio básico. En concreto, valora de forma moi especial o feito de que la sentenza manifeste que incluso un consumidor medio razoablemente informado pode verse confundido cando se utilizan expresións como as que se analizaron ao largo do proceso. Ao mesmo tempo valora positivamente que o xulgador atenda ao plus de calidade do produto amparado pola DOP cando considera que a confusión se produce igualmente a pesar de que no envase se sinale a denominación científica e/ou a orixe do produto, xa que non evita que o consumidor crea que está comprando un produto cando en realidade está comprando outro.
Comparte ademais a valoración que se fai sobre a concorrencia dun acto de engano, é dicir, un actuar consciente e positivo da empresa demandada dirixido a que o consumidor adquira un produto sobre a base dunha mensaxe que se sabe falsa por no cumprir co proceso de cultivo e as regulamentacións técnico sanitarias que caracterizan ao mexillón amparado pola DOP.
Como reflexión final, Unión de Consumidores de Galicia considera que esta sentenza permite por en tela de xuízo as liñas normativas que non inciden na necesaria obrigatoriedade da mención sobre a orixe dos alimentos, concedendo desta forma unha maior protección aos intereses empresariais duns poucos que aos intereses xerais de todos.