Un menú de etiqueta con Mexillón de Galicia

10 Decembro, 2015

Mexillón agridulce con escuma de mar, Tartaleta de Mexillón e aguacate, Cucurucho de Mexillón con velouté o cúrcuma, Culler de Mexillón salteado con hortalizas e romesco, Dados de Mexillón e chourizo, Brocheta de Mexillón con queixo San Simón, Empanada de Mexillón e algas, Mexillón Villeroy…

Esas foron algunhas das propostas coas que os alumnos da escola de hostalería Carlos Oroza sorprenderon hoxe ós asistentes á primeira xornada da iniciativa “Mexillón de Galicia. A etiqueta na túa mesa” que promoven de xeito conxunto o Consello Regulador da DOP “Mexillón de Galicia” e o Carlos Oroza.

Este proxecto pretende que o “Mexillón de Galicia” se convirta no produto estrela nos menús do nadal. E que mellor para conseguilo que levado ás máis altas cotas de elaboración na cociña dan man dos futuros cociñeiros.

Eles foron quen de manexar con destreza un produto inigualable como é o “Mexillón de Galicia”, o mellor que se produce no mundo. Esa pericia deu os seus froitos en forma das preparacións mencionadas, algunhas moi vangardistas e outras mais ligadas á tradición. Pero todas elas suculentas.

Pero este proxecto de colaboración tamén ten outros obxectivos relevantes, como é o de achegar a estes futuros embaixadores da nosa cociña a relevancia do Mexillón de Galicia, non so dende o punto de vista gastronómico, senón tamén como alimento moi ligado a economía, cultura e historia de Galicia.

A segunda xornada de “Mexillón de Galicia. A etiqueta na túa mesa” será mañá venres e consistirá nun showcooking no que os alumnos presentarán catro pratos e outros tantos cócteles elaborados a partir de “Mexillón de Galicia”.

As preparacións serán presentadas e explicadas polos seus autores e seguidamente degustadas por un grupo de invitados integrado por profesionais da cociña, blogueros gastronómicos e representantes de medios de comunicación.