“Mexillón de Galicia” leva a etiqueta á mesa este nadal

9 Decembro, 2015

“Mexillón de Galicia. A etiqueta na túa mesa” é o título da iniciativa coa que o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida “Mexillón de Galicia” pretende incentivar o consumo deste bivalvo e converter ao “Mexillón de Galicia” no produto estrela dos menús do Nadal.

Para iso contará coa colaboración da escola de hostalería Carlos Oroza de Pontevedra, cuxos alumnos asumiron o reto de elaborar en dúas xornadas diversos pratos e cócteles utilizando como ingrediente fundamental o mellor mexillón do mundo, o que está amparado polo selo que outorga a DOP “Mexillón de Galicia” e que garante a veracidade da orixe e da calidade deste produto.

Mañá xoves, a partir das 19,30 horas, será a primeira parte do evento. Nela os alumnos elaborarán 13 aperitivos e doces recurrindo ó Mexillón de Galicia como ingrediente principal.

O día seguinte, venres, día 11, a partir das 11 horas, será o showcooking. Durante o seu desenvolvemento os alumnos elaborarán catro pratos e outros tantos cócteles, explicando en detalle o proceso de preparación de cada unha das receitas ante un grupo de invitados integrado por profesionais da cociña, blogueros gastronómicos e medios de comunicación.

Esta iniciativa permitirá ademais trasladar aos futuros cociñeiros información do “Mexillón de Galicia” que contribúa ao seu maior coñecemento non só desde o punto de vista gastronómico, senón tamén como alimento estreitamente ligado á economía, cultura e historia de Galicia.