Presentado o libro Mexillón de Galicia

3 Decembro, 2015

A presentación do libro “Mexillón de Galicia” converteuse nun acontecemento. Representantes do sector mexilloeiro, da cultura, da universidade, da política e doutros ámbitos da sociedade acudiron onte á invitación da DOP Mexillón de Galicia para un acto que, en palabras do seu presidente Francisco Alcalde, ha de entenderse como unha homenaxe aos homes e mulleres que foron capaces de converter a Galicia no primeiro produtor mundial de mexillón.

Alcalde lembrou 1945, hai agora 70 anos, cando foi fondeada a primeira batea de mexillón, o xerme para partir do cal xurdiu toda unha industria nas rías galegas. Desde entón e ata agora houbo que percorrer un arduo camiño, non exento de dificultades, pero que tamén presenta logros como a Demoninación de Orixe obtida en 2007 (o primeiro produto de mar que o consegue), así como o enorme potencial económico xerado ao redor desta industria que soubo innovar sen renunciar ás súas sinais de identidade, fortemente enraizadas na sociedade á que pertence.

O presidente da DOP trasladou todo o éxito do conseguido aos que considerou como verdadeiros protagonistas desta realidade: ao factor humano, representado polos homes e mulleres que co seu traballo e dedicación lograron crear unha actividade sustentable e con capacidade para crear unha riqueza que contribúe ao desenvolvemento e prosperidade das comarcas costeiras de Galicia.

“Os rostros dalgunhas desas persoas podémolos ver nas fotografías de Xurxo Lobato que ilustran o libro. Eles sintetizan o mellor de nós e narran en primeira persoa como se forxa unha identidade, como se configura unha forma de ser, a dos que integramos esta gran familia que é Mexillón de Galicia”, subliñou Alcalde.

Na súa intervención advertiu igualmente acerca da gran responsabilidade que ostenta o sector. “Custodiamos un tesouro, o Mexillón de Galicia. A el debémoslle, aí é nada, o benestar de moitas familias e por tanto temos o deber ineludible de garantir a súa continuidade, como xa fixeron sabiamente outros que nos precederon”

Alcalde finalizou instando a seguir na liña de traballo e bo facer que ha de levar ao Mexillón de Galicia ao lugar que lle corresponde. “Nesa tarefa son necesarios esforzos comúns. Todos, sen excepción, estamos convocados a esa chamada”.

Xurxo Lobato, autor das fotografías que ilustran o libro, cualificou a publicación como “un instrumento de autoestima”, á vez que ponderaba o seu enorme valor simbólico. “As bateas de Galicia son a postal que compite coa catedral de Santiago ou a muralla de Lugo”, salientou o prestixioso artista, quen describiu ao sector do mexillón como o mellor exemplo da capacidade dos galegos para lograr aquilo que se propoñen.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, pechou o acto felicitando á DOP pola publicación dun libro que constitúe unha “carta de presentación” do Mexillón de Galicia ante o mundo, en referencia aos tres idiomas (galego, castelán e inglés) do texto.

Quintana chamou a atención sobre unhas imaxes que mostran a unha Galicia que non se pode concibir sen bateas, pero ao mesmo tempo testemuñan a importancia dun sector e dun produto: o mexillón, “verdadeiro ouro laranxa das nosas rías”.

O acto foi presentado e sabiamente conducido polo artista Carlos Branco, contido, mordaz, intelixente e sempre divertido.