Mexillón de Galicia estará en Conxemar

2 Outubro, 2015

O Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia participará na feira Conxemar 2015 que se inicia o luns en Vigo.

Neste escenario de carácter profesional, a DOP Mexillón de Galicia mostrará a súa fortaleza como organismo responsable de fomentar a calidade do mexillón galego en todas as súas etapas (produción, transformación e elaboración). Unha supervisión que ten como finalidade última garantir ao consumidor a certeza de atoparse ante un produto inigualable polas súas características nutricionais e organolépticas, que conta ademais co referendo final dun selo de calidade que se outorga a aquelas empresas que acrediten unha orixe e unha calidade diferenciadas.

A solidez de Mexillón de Galicia constátase, entre outras cousas, nas máis de 40 empresas inscritas no Consello Regulador que comercializan mexillóns co distintivo da DOP. Concorrendo a Conxemar preténdese captar novas compañías interesadas en acreditarse para comercializar Mexillón de Galicia. Paralelamente, estableceranse contactos con empresas de distribución alimentaria interesadas en adquirir o noso produto. De aí sairá unha relación que se entregará ás empresas certificadas para que continúen o labor comercial de acordo coas súas estratexias.

Igualmente aproveitarase este evento para intensificar as tarefas encamiñadas a ampliar o coñecemento que na actualidade tense da DOP, facendo especial fincapé en aspectos relacionados coa identificación dos seus produtos. Para conseguilo incidirase ante os profesionais que o selo de Mexillón de Galicia é a única garantía de que están ante un produto da máxima calidade e orixinario.

Nun plano institucional, a caseta que ocupa a DOP acollerá a visita do presidente da Xunta e do secretario xeral de Pesca do Ministerio, Andrés Hermida Trastoy, a quen se ofrecerá unha degustación con distintas preparacións de Mexillón de Galicia.

O Consello Regulador dá DOP considera unha gran oportunidade volver estar presente en Conxemar, unha cita á que este ano concorren 40 países distintos e que disporá de 540 expositores.