O Consello Regulador Mexillón de Galicia e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) veñen de asinar en Compostela un acordo de colaboración para dar resposta a un problema común: a fraude e a ocultación de información na etiquetaxe das conservas de mexillón. A acción forma parte dunha campaña de sensibilización sobre etiquetas enganosas, que tamén inclúe o lanzamento, de forma simultánea, dun spot dirixido aos consumidores.
Os consumidores e o sector profesional do Mexillón de Galicia comparten a preocupación pola falta de transparencia na información alimentaria de moitos produtos transformados do mexillón. Os primeiros, porque ven menoscabados os seus dereitos, e o segundo, porque a mala praxe na etiquetaxe está comprometendo a viabilidade socioeconómica do sector.
Ante esta situación, o presidente do Consello Regulador Mexillón de Galicia, Francisco Alcalde García, e a presidenta de Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Ana Olveira Blanco, alcanzaron un acordo de colaboración entre ambas entidades, que vén de ser asinado na mañá do mércores na capital galega.
O acordo ten por obxecto compartir sinerxías en torno a dous eixos: reclamar unha etiquetaxe clara e veraz, que garanta a protección dos dereitos tanto das persoas consumidoras como das persoas pertencentes ao tecido socioeconómico do Mexillón de Galicia; e divulgar entre a cidadanía os produtos galegos de calidade diferenciada, e máis concretamente a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia.
Así, unha das primeiras accións conxuntas que está prevista é a realización dun estudo de mercado da etiquetaxe das conservas de mexillón. Ademais, a UCGAL e o Consello Regulador tamén se comprometen a realizar campañas de sensibilización, a cooperar en actividades de formación e transferencia de coñecemento e a colaborar no asesoramento e intercambio de información.
Spot de sensibilización
Paralelamente á firma do convenio, Mexillón de Galicia vén de lanzar un impactante spot de sensibilización para alertar os consumidores das etiquetas enganosas das conservas e para que saiban recoñecer a única marca que garante a orixe galega do mexillón, o selo da Denominación de Orixe Protexida.
Baixo o título “Mexillón de Galicia, marisco de etiqueta”, o vídeo resume en pouco máis dun minuto as infraccións máis comúns na etiquetaxe do mexillón. Unha delas é a utilización de reclamos comerciais do tipo “de las Rías gallegas” ou “sabor a Galicia” en produtos que non están certificados pola DOP, unha práctica que infrinxe a normativa europea, xa que ningunha destas mencións garante que o contido sexa verdadeiramente galego. Así, unha prospección de mercado realizada polo Consello Regulador no ano 2014 en diversos puntos de venda, revelou que o 75% das conservas usaba irregularmente mencións á orixe galega do produto.*
Ademais, estase a producir unha substitución de mexillón por outras especies de mitílidos, tal como demostra o estudo realizado pola Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición (AECOSAN) , que constatou que unha de cada tres conservas de mexillón ofrece unha información sobre o produto que non se corresponde coa especie realmente envasada.**
O vídeo, realizado por Pablo Chouza, está dispoñible en galego con subtítulos en castelán e inglés, para que poida chegar a un público amplo. Difundirase masivamente a través das redes sociais e dos móbiles. Ademais, pódese ver na canle de Youtube de Mexillón de Galicia::
*A mostra estivo composta por 55 referencias de conservas de mexillón, adquiridas polo Consello Regulador durante o 2014 en diversos puntos de venda de Galicia. Destas, 41 latas infrinxían a normativa da DOP.
** Estudo presentado polo subdirector de Calidade do Consumo do Istituto Nacional de Consumo, Carlos Arnáiz, no Congreso Labelfish celebrado en Vigo en decembro de 2014.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.