|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
A historia deste cultivo podémola iniciar a mediados do século XVIII é cando os escabechados de ostras galegas estaban en pleno apoxeo. O Rexedor de Santiago de Compostela, Don José Cornide Saavedra xa dicía do mexillón que " a súa carne despois da ostra é a mellor". Nesta época non existía un cultivo en sentido estricto, o mexillón procedía de parques ou zonas determinadas, suxeitas a un réxime de concesión que ostentaban algunhas familias.
O cultivo
de mexillón seguiu estendéndose e gañando importancia
e no século XIX comezan a producirse as primeiras experiencias
de cultivo. Don Paz Granells cita en 1869 que en Carril (Ría de
Arousa) os mariscadores converteran en mexilloeiras os antigos viveiros
de ostras. Durante as primeiras décadas do século XX intensificáronse os intentos de acadar un cultivo estable en cercados ou estacas. Pero non é ata os anos 40 cando se inicia o gran desenrolo da miticultura galega. Cando o señor Ozores Saavedra, señor de Rubianes e marqués de Aranda, propietario de "Viveros del Rial" que levaba tempo tentando criar mexillóns sobre estacas cambia de método e decide intentar o cultivo de mexillón suspendido, copiando as bateas catalanas. En 1945 fondéase na ría de Arousa a primeira batea; este primeiro prototipo posuía un único flotador en forma de cubo feito de madeira que soportaba un enramado tamén de madeira onde se colgaban uns poucos metros de corda de esparto cru. Os esperanzadores resultados acadados por este pioneiro da miticultura galega, fixeron que instalara o ano seguinte 10 bateas na "escollera" do porto de Vilagarcía de Arousa. En 1949 inícianse os fóndeos na ría de Vigo; en 1954 esténdense as localidades de Cambados, O Grove, Bueu, Redondela e Pobra do Caramiñal; un ano mais tarde instálanse bateas na ría de Sada e finalmente en 1956 na de Muros.
Foron estes
anos de continua evolución das estructuras e métodos de
laboreo. Os caixóns de madeira foron recubertos de cemento para
alongar a súa vida, aumentou o tamaño do engrelado gracias
a tirantes de cable metálico que axudaban a soporta-la estructura,
algúns productores adoptaron vellos cascos de barcos como sistema
de flotación, as cordas de esparto foron remplazadas polas de nailon... Hoxe existen mais de 3.300 bateas dedicadas o cultivo de mexillón fondeadas nas augas das rías de Galicia, que fan da nosa comunidade unha potencia acuícola a nivel mundial.
|